Banda de XIL

Cara o ano 1830, na parroquia de Xil, municipio de Meaño e baixo a dirección de Dº Benito Barreiro naceu unha pequena agrupación musical formada por cinco dos seus fillos e varios veciños da parroquia.  Así naceu a banda coñecida como a “Banda de Xil”. Esta agrupación foise sucedendo de país a fillos ata 1890 , cando se consolidou como  “Banda de Música de Meaño”,debido a que a meirande parte dos seus integrantes residían na capital do concello. Nace, así, a historia dunha das bandas máis antigas de Galicia.

 

Historia da BUMM. Jose García Quinteiro (1931)

Banda de Música de Meaño

Os seguintes 70 anos na historia da BUMM foron unha época de inestabilidade, pola que pasaron diferentes directores pola banda. Entre o 1936 e o 1940 a banda permaneceu completamente inactiva, a excepción de 5 ou 6 músicos que, dada a súa idade, quedaron exentos de ir á guerra. Non foi ata o ano 1941, que a banda volveu reaxustarse e o seu número ascendeu a 28 músicos, aínda que na guerra se perderan varios dos seus compoñentes: Benito Padín, Basilio Álvarez, Julio Barbeito, Augusto Iglesia entre outros.

Durante esta etapa da súa historia, posterior á Guerra Civil, a Banda de Meaño apenas actuou fóra da súa comarca. No ano 1947, participou no certame de Pontevedra celebrado polas festas da Peregrina, competindo con outras dúas bandas: Lantaño, a mellor banda de toda a provincia naquel momento e Arcade. Como anécdota, cabe mencionar que o veredicto do certame foi totalmente inesperado, xa que ningunha das bandas levou o premio.

Nos seguintes anos, a banda foi aumentando en número e en 1958 xa contaba cunha cifra de 42 músicos. Non obstante, debido á crise económica do momento, as contas da agrupación comezan a ir cada vez peor. Esta situación, xunto co éxodo de emigrantes meañeses a América e a preferencia dos músicos por traballos mellor asalariados, como as orquestras, provocou que se desfixese a banda. Comeza así unha paréntese de inactividade na historia da banda que perdurou máis de 20 anos.

REFUNDACIÓN

A historia da banda vólvese a escribir coa refundación que chegou o ano 1980 e, por iniciativa do alcalde, Germán Rodiño, créase a Escola de Música Municipal de Meaño co obxectivo de refacer de novo a banda no concello. Esta nova banda fixo a súa primeira actuación o 25 de agosto de 1985, baixo a batuta de Manuel Lores Besada, antigo trompetista da banda primitiva. No ano 1990 créase unha directiva para a agrupación, presidida por Manuel Varela Budelo, co obxectivo de potenciar a banda e a escola de música para mellorar a formación dos músicos.

O último domingo de abril de 1992 celebrouse o I Festival de Bandas de Música de Meaño. Tratábase dunha idea innovadora que foi imitada por toda a xeografía galega e que, a día de hoxe, se considera un dos festivais de bandas máis importantes de Galicia. Na súa orixe tratouse dunha homenaxe aos músicos da banda primitiva, pero a idea gustou tanto que se converteu nun festival celebrado, a partir daquel momento, todos os anos, converténdose nunha importante tradición.

Durante a década dos 90, a Unión Musical participou en numerosos certames e festivais por toda Galicia e tamén en Portugal. Un exemplo foi a participación no II Certame Galego de Bandas de Música Populares no 1996. Nesta época, foron varios os directores que pasaron pola banda, D. Remigio Santacruz Pérez, D. Vicente Masmano Ortiz e D. Esteban Valverde, ata a chegada do director F. Javier Morgade Dobaño no ano 1999. Cabe destacar dentro da etapa do director Esteban Valverde a grabación do primeiro casete realizada o 25 de marzo de 1997 na Igrexa de San Miguel de Lores. Neste mesmo ano, a banda tamén recibiu a Mención de Honra na II Edición dos Premios TeleSalnés polo seu traballo e dedicación o longo de todo ese ano.

DIRECTORES

Premios e galardóns

A BUMM consigueu innumerables galardóns na súa dilatada traxectoria. Na súa historia recente destacan entre todos eles os seguintes:

Banda Unión Musical de Meaño:

  • 1º Premio na Sección Primeira no XIII Certame Galego de Bandas de Música
    Populares de Galicia no ano 2019.
  •   Trofeo Flicorno d’Oro no Concorso Bandistico Internazionale de Riva del Garda (Italia) no ano 2019.
  • 1º premio na Sección Superior na XXI edición do Concorso Bandistico Internazionale de Riva del Garda (Italia) no ano 2019.
  • 1º Premio na sección Especial no X Certame Galego de Bandas de Música
    Populares de Galicia no ano 2016.
  • Premio César Dios “Diosiño” dos premios provinciais á cultura no ano 2013.
  • Timbal de Ouro no World Music Contest Kerkrade (Holanda) no ano 2013.
  • 1º Premio na Sección Primeira no World Music Contest Kerkrade (Holanda) no ano 2013.
  • 2º premio na Sección Especial no XII Certame Provincial da Excma.
    Deputación de Pontevedra no ano 2012.
  • 2º premio na Sección Especial no XI Certame Provincial da Excma.
    Deputación de Pontevedra no ano 2011.
  • 2º Premio na Sección Primeira do IX Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2009.
  • 3º Premio no X Certame Internacional de Bandas de Música “Villa de Aranda” no ano 2009.
  • 1º Premio na Sección Primeira no I Certame Zonal (O Salnés) Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2008.
  • 3º Premio na Sección Primeira no Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” no ano 2008.
  • 2º Premio na Sección Primeira no I Certame Galego de Bandas de Música Populares de Galicia no ano 2007.
  • 2º Premio na Sección Primeira no VII Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2007.
  • 2º Premio na Sección Primeira no VI Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2006.
  • 1º Premio e Mención de Honra na Sección Primeira no V Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2005.
  • 2º Premio na Sección Segunda no Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” no ano 2005.
  • 2º Premio na Sección Primeira no IV Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2004.
  • 3º Premio na Sección Segunda no II Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2002.
  • 3º Premio na Sección Segunda no I Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2001.

Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño:

  • Terceiro Premio na Sección Terceira do Certame Galego de Bandas de Música Populares no ano 2017.

Banda Infantil da Unión Musical de Meaño:

  • Primeiro Premio na sección Infantil do Certame Galego de Bandas de Música Populares no ano 2018.