Banda de XIL
Cara o ano 1830, na parroquia de Xil, municipio de Meaño e baixo a dirección de Dº Benito Barreiro naceu unha pequena agrupación musical formada por cinco dos seus fillos e varios veciños da parroquia. Así naceu a banda coñecida como a “Banda de Xil”. Esta agrupación foise sucedendo de país a fillos ata 1890 , cando se consolidou como “Banda de Música de Meaño”,debido a que a meirande parte dos seus integrantes residían na capital do concello. Nace, así, a historia dunha das bandas máis antigas de Galicia.
![Historia da BUMM. Jose García Quinteiro (1931)](https://bumm.gal/wp-content/uploads/1931_dir_jose_garcia_quinteiro.png)
Banda de Música de Meaño
Os seguintes 70 anos na historia da BUMM foron unha época de inestabilidade, pola que pasaron diferentes directores pola banda. Entre o 1936 e o 1940 a banda permaneceu completamente inactiva, a excepción de 5 ou 6 músicos que, dada a súa idade, quedaron exentos de ir á guerra. Non foi ata o ano 1941, que a banda volveu reaxustarse e o seu número ascendeu a 28 músicos, aínda que na guerra se perderan varios dos seus compoñentes: Benito Padín, Basilio Álvarez, Julio Barbeito, Augusto Iglesia entre outros.
Durante esta etapa da súa historia, posterior á Guerra Civil, a Banda de Meaño apenas actuou fóra da súa comarca. No ano 1947, participou no certame de Pontevedra celebrado polas festas da Peregrina, competindo con outras dúas bandas: Lantaño, a mellor banda de toda a provincia naquel momento e Arcade. Como anécdota, cabe mencionar que o veredicto do certame foi totalmente inesperado, xa que ningunha das bandas levou o premio.
Nos seguintes anos, a banda foi aumentando en número e en 1958 xa contaba cunha cifra de 42 músicos. Non obstante, debido á crise económica do momento, as contas da agrupación comezan a ir cada vez peor. Esta situación, xunto co éxodo de emigrantes meañeses a América e a preferencia dos músicos por traballos mellor asalariados, como as orquestras, provocou que se desfixese a banda. Comeza así unha paréntese de inactividade na historia da banda que perdurou máis de 20 anos.
REFUNDACIÓN
A historia da banda vólvese a escribir coa refundación que chegou o ano 1980 e, por iniciativa do alcalde, Germán Rodiño, créase a Escola de Música Municipal de Meaño co obxectivo de refacer de novo a banda no concello. Esta nova banda fixo a súa primeira actuación o 25 de agosto de 1985, baixo a batuta de Manuel Lores Besada, antigo trompetista da banda primitiva. No ano 1990 créase unha directiva para a agrupación, presidida por Manuel Varela Budelo, co obxectivo de potenciar a banda e a escola de música para mellorar a formación dos músicos.
O último domingo de abril de 1992 celebrouse o I Festival de Bandas de Música de Meaño. Tratábase dunha idea innovadora que foi imitada por toda a xeografía galega e que, a día de hoxe, se considera un dos festivais de bandas máis importantes de Galicia. Na súa orixe tratouse dunha homenaxe aos músicos da banda primitiva, pero a idea gustou tanto que se converteu nun festival celebrado, a partir daquel momento, todos os anos, converténdose nunha importante tradición.
Durante a década dos 90, a Unión Musical participou en numerosos certames e festivais por toda Galicia e tamén en Portugal. Un exemplo foi a participación no II Certame Galego de Bandas de Música Populares no 1996. Nesta época, foron varios os directores que pasaron pola banda, D. Remigio Santacruz Pérez, D. Vicente Masmano Ortiz e D. Esteban Valverde, ata a chegada do director F. Javier Morgade Dobaño no ano 1999. Cabe destacar dentro da etapa do director Esteban Valverde a grabación do primeiro casete realizada o 25 de marzo de 1997 na Igrexa de San Miguel de Lores. Neste mesmo ano, a banda tamén recibiu a Mención de Honra na II Edición dos Premios TeleSalnés polo seu traballo e dedicación o longo de todo ese ano.
DIRECTORES
Premios e galardóns
A BUMM consigueu innumerables galardóns na súa dilatada traxectoria. Na súa historia recente destacan entre todos eles os seguintes:
Banda Unión Musical de Meaño:
- 1º Premio na Sección Primeira no XIII Certame Galego de Bandas de Música
Populares de Galicia no ano 2019. - Trofeo Flicorno d’Oro no Concorso Bandistico Internazionale de Riva del Garda (Italia) no ano 2019.
- 1º premio na Sección Superior na XXI edición do Concorso Bandistico Internazionale de Riva del Garda (Italia) no ano 2019.
- 1º Premio na sección Especial no X Certame Galego de Bandas de Música
Populares de Galicia no ano 2016. - Premio César Dios “Diosiño” dos premios provinciais á cultura no ano 2013.
- Timbal de Ouro no World Music Contest Kerkrade (Holanda) no ano 2013.
- 1º Premio na Sección Primeira no World Music Contest Kerkrade (Holanda) no ano 2013.
- 2º premio na Sección Especial no XII Certame Provincial da Excma.
Deputación de Pontevedra no ano 2012. - 2º premio na Sección Especial no XI Certame Provincial da Excma.
Deputación de Pontevedra no ano 2011. - 2º Premio na Sección Primeira do IX Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2009.
- 3º Premio no X Certame Internacional de Bandas de Música “Villa de Aranda” no ano 2009.
- 1º Premio na Sección Primeira no I Certame Zonal (O Salnés) Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2008.
- 3º Premio na Sección Primeira no Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” no ano 2008.
- 2º Premio na Sección Primeira no I Certame Galego de Bandas de Música Populares de Galicia no ano 2007.
- 2º Premio na Sección Primeira no VII Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2007.
- 2º Premio na Sección Primeira no VI Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2006.
- 1º Premio e Mención de Honra na Sección Primeira no V Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2005.
- 2º Premio na Sección Segunda no Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” no ano 2005.
- 2º Premio na Sección Primeira no IV Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2004.
- 3º Premio na Sección Segunda no II Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2002.
- 3º Premio na Sección Segunda no I Certame Provincial da Excma. Deputación de Pontevedra no ano 2001.
Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño:
- Terceiro Premio na Sección Terceira do Certame Galego de Bandas de Música Populares no ano 2017.
Banda Infantil da Unión Musical de Meaño:
- Primeiro Premio na sección Infantil do Certame Galego de Bandas de Música Populares no ano 2018.