Bandas Infantil e Xuvenil
No ano 1999, a Asociación Cultural Banda Unión Musical de Meaño impulsa a creación dunha nova agrupación para formar ós futuros compoñentes da Banda Unión Musical de Meaño. Esta coñeceuse nos seus comezos como “Banda de Andrés”, en referencia ó seu primeiro director Andrés Hay Hermida, músico e subdirector da BUMM naquel momento.
Pouco a pouco, a actividade da escola comezou a incrementarse e no curso 2002/2003, esta banda intégrase dentro das materias impartidas pola Escola de Música, pasando a denominarse Banda Xuvenil. No ano 2006, a Escola de Música pasa a ser de titularidade municipal. Debido ó aumento do alumnado, esta banda divídese en Banda Infantil da EMMM e Banda Xuvenil da EMMM.
No ano 2010 créase o I Festival de Bandas Xuvenís e Infantís “Herminia Fariña”, que a partir do ano 2015 pasa a denominarse “De Banda a Banda”. A través deste, visitan Meaño diferentes Bandas Infantís e Xuvenís de toda Galicia. Do mesmo xeito, as Bandas Infantil e Xuvenil de Meaño visitan diversos puntos da xeografía galega mediante intercambios musicais.
Entre as últimas actividades destas agrupacións, destacan no 2018 a participación no III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia na Cidade da Cultura de Galicia e no XI Certame Galego de Bandas de Música Populares na Sección Terceira, acadando o 3º Premio. Tamén, no ano 2019 a participación da Banda Infantil no XII Certame Galego de Bandas de Música Populares na Sección Infantil, acadando o 1º Premio.
Durante a súa traxectoria, estas bandas foron dirixidas polos mestres Andrés Hay Hermida, Francisco Javier Morgade Dobaño, David Fiuza Souto, Juan Portela Varela e, na actualidade, Diego Javier Lorente López.
No ano 2020, a Banda Unión Musical de Meaño recupera a xestión das agrupacións, pasando a denominarse Banda Infantil da Unión Musical de Meaño e Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño.